speaker-photo

BARREIROS

Cidade asolagada de San Miguel de Vilachá.

Barreiros é un lugar rico en lendas asociadas a varios sitios, o que dificulta a elección dun só: capelas con mitos fundacionais, fontes milagreiras, praias míticas e amuletos singulares. Os restos arqueolóxicos que se poden contemplar na Punta do Castro foron transformados polo imaxinario popular nunha cidade que foi asolagada como castigo divino polo mal comportamento dos seus habitantes, que negaron a hospitalidade a un mendigo sen saber que era Cristo disfrazado. Nunha sociedade tradicional e holística, onde se busca o ben común e o individualismo non ten cabida, non hai pecado maior que negarlle alimento e abrigo a quen o necesita. Os restos da cidade asolagada de San Miguel de Vilachá están aí para lembralo e evitar que o esquezamos.